Preámbulo
Os ríos galegos caracterízanse por unha elevada biodiversidade dentro do seu
contexto ibérico e europeo. A súa grande biodiversidade e porcentaxe de
endemismos outórganlles un valor excepcional na actual situación mundial de
crise ecolóxica. Nos ríos galegos viven preto de catrocentas especies
endémicas de invertebrados, e neles descubríronse preto de oitenta novas
especies para a ciencia.
Por outra banda, os ríos xogaron un papel transcendental na economía
tradicional e na conformación das características socioculturais e
psicolóxicas do pobo galego. Estas funcións seguen vixentes na actualidade,
aínda que modificadas, xa que o afastamento entre a sociedade e a natureza
orixina novas necesidades. Como resposta, xorden novas actividades
económicas relacionadas co gozo da natureza, a través do deporte, do lecer,
do coñecemento ou do turismo, pero que se poden ver impedidas polo uso
enerxético abusivo.
As paisaxes de Galicia están determinadas polos seus ríos. A auga e os ríos
tiveron desde sempre un alto valor simbólico en Galicia; significaron
hospitalidade, fraternidade e fonte de vida no sentido máis amplo. Arredor
dos usos tradicionais da auga xurdiron relacións sociais e culturais
integradoras, que permanecen na forma de recursos histórico-culturais e
etnográficos.
Mais os ríos atópanse hoxe en perigo. A alteración física, debida sobre todo
ás presas hidroeléctricas, a perda e degradación dos hábitats, a invasión
das zonas de inundación por todo tipo de construcións, a sobreexplotación, a
contaminación e a introdución de especies non nativas son os factores que
máis contribúen á diminución da súa biodiversidade. Os mencionados recursos
socioculturais corren a mesma sorte ca os ríos.
As presas hidroeléctricas fan que máis do 70% dos nosos leitos fluviais
sexan inaccesibles ás especies migratorias. O salmón é un bo indicativo da
perda de poboacións nos nosos ríos: nos últimos cincuenta anos as súas
existencias reducíronse en máis dun 99%.
Danse casos frecuentes de contaminación orgánica, que afectan permanente ou
temporalmente a unha parte importante da rede hidrográfica galega. Tamén é
preocupante a contaminación por substancias químicas.
Introducíronse de forma intencionada (pesca deportiva) ou accidental (acuariofilia,
comercio...) especies exóticas que causan graves problemas.
A alteración física do hábitat é o principal impacto sobre os nosos ríos e
ecosistemas de auga doce: eliminación de zonas de inundación, destrución das
brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos
hidroeléctricos e mesmo algúns paseos e praias fluviais.
As infraestruturas hidroeléctricas son responsables das principais afeccións
aos ríos galegos. Galicia, con tan só o 5% do territorio e o 7% da poboación,
xera o 25% de toda a electricidade de orixe hídrica do Estado español. O 34%
da electricidade xerada en Galicia vai fóra do país, expórtase, cunhas
perdas no transporte que superan hoxe toda a produción eólica en Galicia.
Esta sobreprodución non redundou nun mellor abastecemento ás poboacións e
comarcas galegas.
Os principios de «prevención, de avaliación de impacto ambiental, de
información pública, de participación cidadá, de educación ambiental...» nos
que se basea a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de
Galicia, non se materializaron no caso dos ecosistemas fluviais. Diversos
aspectos da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, están a
ter unha aplicación deficiente, ao igual ca a normativa de avaliación de
impacto ambiental, polo que é manifesta a necesidade de avaliar o impacto
global de plans e programas mediante unha avaliación estratéxica deles.
Por outra banda, no ano 2000 aprobouse a Directiva marco da auga (DMA),
Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro
de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito
da política de augas, que establece un novo modelo de xestión da auga, de
obrigada referencia, e ordena previr calquera nova deterioración dos
ecosistemas acuáticos e atinxir como mínimo o bo estado de todas as augas no
horizonte do ano 2015.
O estado actual dos ríos galegos arrédase moito do obxectivo de bo estado, o
que fai necesario un plan de acción para corrixir esta situación.
Como lexislación marco, a directiva establece un modelo de xestión e uns
obxectivos comúns a nivel europeo, que deben ser alcanzados a través de
medidas adoptadas a nivel estatal ou local. Nese sentido, o Estatuto de
autonomía de Galicia atribúelle as competencias de protección e ordenamento
ambiental á Administración autonómica, polo que da Directiva 2000/60/CE
derivan novas obrigas para o noso país para avanzar na xestión racional e
sustentable da auga.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co
artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei
a Lei para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos.
Artigo 1º.-Principios xerais.
1. Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
a conservación do patri
monio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos
ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural
relacionado.
2. Declárase, así mesmo, obriga das administracións públicas galegas
garantir a súa protección, conservación e mellora.
3. Con tal finalidade, e no que respecta aos valores naturais, asúmense os
obxectivos máis avanzados da Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e
do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco
comunitario de actuación no ámbito da política de augas, e aplicaranse de
forma prioritaria e urxente as medidas contidas nela.
Artigo 2º.-Planificación hidrolóxica.
A administración competente elaborará os novos plans hidrolóxicos para as
novas demarcacións hidrográficas, conforme os criterios básicos contidos na
Directiva 2000/60/CE, e os previstos pola normativa vixente, incluída esta
lei.
Artigo 3º.-Contido dos plans hidrolóxicos e rede de vixilancia e control do
estado ecolóxico dos ríos.
1. Os plans hidrolóxicos aos que fai referencia o artigo anterior incluirán
programas ou plans de medidas que, como resultado dos estudos técnicos e das
análises económicas realizadas previamente, permitan acadar os obxectivos
que establece a Directiva 2000/60/CE.
Os programas ou plans de medidas incluirán previsións en materia de:
a) Restauración dos ecosistemas fluviais, especialmente no referente aos
indicadores de réxime hidrolóxico e continuidade do río e prevendo as
necesidades de restauración que o requiran para garantir o bo estado das
augas.
b) Mellora integral dos ecosistemas fluviais, atendendo ás características
morfolóxicas, tales como a avaliación de profundidade e anchura do río, a
estrutura, o substrato do leito, a calidade da zona ribeirega e a prevención
da contaminación difusa.
c) Medidas de restauración de zonas húmidas e de zonas de inundación dos
ríos, e de restauración hidrolóxico-forestal das bacías.
d) Medidas de saneamento integral dos cursos fluviais e depuración integral
de verteduras urbanas e industriais, aplicando as alternativas máis
eficientes e modernas desde o punto de vista medioambiental.
2. Crearase unha rede de vixilancia e control do estado ecolóxico dos ríos,
segundo o recomendado pola Directiva 2000/60/CE, que conte cos equipos de
investigación existentes e promova os estudos encamiñados a determinar os
valores de referencia para Galicia.
Artigo 4º.-Protección integral dos ecosistemas fluviais.
Desenvolveranse os estudos e as análises que determinen a categorización e a
tipificación das masas de auga, coa indicación das condicións de referencia
e a inclusión da catalogación e cuantificación da biodiversidade fluvial. O
programa de medidas resultado destes estudos integrará:
a) Un plan ou programa para o estudo hidrobiolóxico dos ríos.
b) Un plan ou programa para acadar a protección integral dunha parte
significativa dos ecosistemas fluviais galegos, co obxectivo de garantir a
conservación sustentable da paisaxe e a biodiversidade fluvial.
Artigo 5º.-Xestión do uso da auga.
1. As diferentes actuacións relacionadas coa auga e cos ríos basearanse nos
principios de xestión da demanda, recuperación de custos e consideración da
auga e dos ríos como un activo ecosocial. Deberán establecerse dotacións de
recurso de referencia, atendendo a criterios de dispoñibilidade, eficiencia
e racionalidade no uso, e compatibilidade cos obxectivos ambientais de non
deterioración e recuperación do bo estado das augas.
2. As dotacións de referencia serán aquelas que garantan a satisfacción das
necesidades básicas das persoas e as que deriven da aplicación das mellores
tecnoloxías dispoñibles no referido aos usos agrogandeiro e industrial. As
futuras infraestruturas hidráulicas, captacións de recursos, verteduras ou
usos virán definidas polas dotacións de referencia e polo cumprimento do
obxectivo do bo estado dos ecosistemas fluviais.
Artigo 6º.-Participación cidadá nas políticas da auga.
1. Garantirase a participación efectiva da cidadanía nos procesos de
elaboración dos plans hidrolóxicos.
2. Garantirase o acceso á información ambiental, á participación na toma de
decisións e o acceso á xustiza en cuestións ambientais, na forma que o
establece o Convenio internacional de Aahrus.
3. Naquelas actividades que considere oportuno o organismo competente en
materia ambiental impulsará, de acordo co Convenio internacional de Aahrus,
un marco efectivo de participación que se articulará ao inicio do
procedemento, no que se prestará especial atención á participación das
poboacións locais interesadas.
4. Os organismos de toma de decisións no referido a plans e programas
contarán cunha representación paritaria de membros de entidades sociais en
relación coa suma dos membros da administración e das entidades directamente
interesadas nos usos da auga.
Artigo 7º.-Educación ambiental e capacitación técnica do persoal da
administración
1. Elaborarase, de acordo coas liñas e pautas de actuación definidas na
Estratexia galega de educación ambiental:
a) Un plan de educación ambiental relacionado cos usos doméstico, industrial
e agrogandeiro da auga, no que se priorizarán a redución do consumo e a
prevención da contaminación, con atención específica tanto ao medio urbano
coma ao rural, coa finalidade de comezar a construír unha nova cultura da
auga.
b) Un plan de educación ambiental para o aforro enerxético, con actuacións
particularizadas para cada eido de interese, como o consumo doméstico, o
transporte e desprazamentos, e o consumo industrial.
c) Programas de concienciación sobre os perigos das especies invasoras,
tanto do público en xeral coma de sectores clave, entre os que se atopan o
turismo, o comercio, o transporte, etc.
2. Atenderanse, de forma prioritaria, as necesidades de capacitación técnica
do persoal da Administración hidráulica en particular, e do persoal da
Administración autonómica e local relacionado cos diferentes aspectos desta
lei.
Disposicións adicionais
Primeira.-Dotación de recursos.
A administración dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento
desta lei.
Segunda.-Ámbito de aplicación.
Esta lei é aplicable naqueles ámbitos territoriais e materias nos que a
Comunidade Autónoma de Galicia posúe as competencias.
Disposicions transitorias
Primeira.-Revisión dos plans sectoriais.
Revisaranse os plans sectoriais que afecten o contido desta lei e
axilizarase a elaboración dos novos plans hidráulicos cumprindo os prazos da
Directiva 2000/60/CE.
Segunda.-Xestión da participación de Galicia no comité de autoridades
competentes nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega
Mentres o Estado posúa as competencias en materia de planificación
hidrolóxica nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega, a Xunta de
Galicia xestionará a súa participación como parte integrante no comité de
autoridades competentes nas citadas bacías, en función do peso específico
que no citado comité lle deba corresponder a Galicia.
Disposición derrogatoria
Única.-Derrogación xeral
Derróganse aquelas normas de igual ou inferior rango que entren en
contradición cos contidos desta lei.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación normativa.
Autorízase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións que sexan
necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.
Segunda.- Entrada en vigor.
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil seis.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
E XUSTIZA