No concepto de Calidade da Auga, a Directiva 2000/60/CE, Directiva Marco das Augas (en adiante DMA), supón un cambio significativo ao incorporar obxectivos medioambientais e criterios ecolóxicos na determinación do estado das augas.
Deste xeito, ata o momento da implantación da DMA, o uso ó que se fose a destinar a auga constituía o criterio fundamental no que se baseaban os controis efectuados, que consistían fundamentalmente na valoración das características fisicoquímicas, sustentadas na análise de parámetros químicos, parámetros físicos e parámetros microbiolóxicos.
Pero no momento da entrada en vigor da DMA o coñecemento das características fisicoquímicas non se considera suficiente, e a introdución do concepto de Estado Ecolóxico obriga a unha reorientación á hora de falar da calidade das augas. Deste modo, adóptase o termo de Estado das Augas como concepto integrador do Estado Químico e do Estado Ecolóxico das masas de auga.
Á súa vez, esta nova concepción implica un reenfoque dos programas de seguimento que se viñan efectuando ata o momento, ao obxecto de obter unha visión xeral, coherente e completa do estado das augas. Polo tanto, a partires do ano 2007 deixan de funcionar as redes de seguimento da Calidade das Augas existentes na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (que se manteñen ao único obxecto de conservar rexistros históricos), e entran en vigor as redes de seguimento do Estado das Augas.